Friday 26 de April de 2024

Galicia Senderismo organiza este sábado a ruta “Cores de outono” polo Río Vilacoba, con posterior visita ás minas de San Finx


 

Custa 12 euros e as inscricións poderán facerse en www.galiciasenderismo.com

Galicia Senderismo, en colaboración co Concello de Lousame, organiza este sábado 28 de setembro unha ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba, de dificultade media, que inclúe unha posterior visita ás minas de San Finx. Unha ruta xa realizada o pasado mes de xullo pero que volve repetirse debido ao gran éxito de participación e buscando tamén as novas cores presentes neste mes de setembro, de aí que a ruta adopte o nome de “Cores de outono”.

A ruta ten unha extensión de 15 quilómetros, polo que a iniciativa desenvolverase entre as 9:30 e as 17:30 horas do sábado 28 de setembro. O prezo da ruta é de 12 euros e inclúe o bus de traslado a Toxosoutos e seguros. As inscricións poden facerse a través de www.galiciasenderismo.com. O número de prazas é limitado.

Percorrido

A expedición sairá ás 9:30 horas da praza do Concello de Lousame, a onde está prevista a volta ás 17:30 horas. Iso si, partirán en autobús ata o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, de onde sairá a ruta cunha pequena ascensión de 2 km ata o Monte Culou, onde poderán desfrutar dunha vista da ría de Muros-Noia, para baixar outros 4 km ata a Ponte Vella do río Vilacoba.

“Esta ruta é sombría e fresca porque seguiremos o sendeiro do río desfrutando da espectacular contorna fluvial, salpicada de fervenzas, ata chegar á Ponte Gaiteira. Descubriremos os enxeños hidráulicos que forman parte da cultura popular do pasado: papeleiras, canles, muíños… conforman unha paisaxe fluvial cun sistema de aproveitamento ecolóxico da agua”, apunta Sindo Gandarela, presidente de Galicia Senderismo.

A ruta rematará na praza do Concello, dende onde os sendeiristas collerán os seus vehículos para desprazárense ata as Minas de San Finx, onde farán unha visita guiada polo seu museo. O xantar pode ter lugar no merendeiro das minas ou no propio restaurante de San Finx.